Segundo o dicionario da Real Academia Española “ humanizar” é “facer humano, familiar, afable a alguén ou algo“. É abrandarse, desanoxarse, facerse benigno. Nos últimos anos a palabra humanizar é levada ao ámbito sanitario e vai moito máis que ser empático, é un compromiso ético e una responsabilidade de cada un de nós.
Enfermar fai que nos sintamos máis vulnerables e fráxiles, polo que é importante poñer ás persoas e o respecto á súa humanidade no eixe central da nosa estratexia e poder harmonizar e orientar tanto o labor profesional das persoas que traballan nos nosos centros, como as necesidades das persoas que precisan atención sanitaria e tamén das súas familias, dos provedores de servizos e estrutura, e da cidadanía en xeral, cara a unha relación de respecto e confianza, de poñer en valor o bo trato e a busca de camiño de confluencia e de responsabilidade social da nosa sanidade pública, que somos todos/as.
Composta por un grupo multidisciplinar de profesionais, de distintas categorías, do ámbito da atención primaria e hospitalaria que pretenden interiorizar unha filosofía de traballo que permita detectar e identificar áreas de mellora en comportamentos éticos, infraestruturas máis amables, etc. en cada centro de traballo, servicio ou unidade.
O obxectivo principal é impulsar o desenvolvemento de estratexias de humanización que respecten a dignidade das persoas e os seus dereitos, que incorporen o que realmente ten valor para o paciente e unhas condicións de traballo adecuadas para os seus profesionais tendo como elementos esenciais a accesibilidade, a personalización, o compromiso coa calidade, a corresponsabilidade e a cultura da humanización.
A Estratexia de Humanización da Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde reúne unha serie de accións dirixidas a fomentar a boa relación entre as persoas, a mellora das instalacións con espazos máis amables, a racionalización dos trámites administrativos, actuación en áreas especialmente sensibles, obter unha contorna de traballo satisfactorio e mellora da relación coas persoas usuarias. Todo isto ordenado a partir de 4 eixes estratéxicos organizados de fóra a dentro dende as persoas á sociedade.